Saltar ao contido

Electra Popular Coruñesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Electra Popular Coruñesa
Tipoempresa e empresa eléctrica
Data de fundación1932
Data de disolución1936
Fundador(es)José Miñones Bernárdez
SedeA Coruña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Electra Popular Coruñesa foi unha empresa galega fundada na Coruña en 1932 polo empresario e político republicano Pepe Miñones, co obxectivo de producir e fornecer enerxía eléctrica á provincia da Coruña. En 1936, nada máis estalar a guerra civil española, Miñones foi asasinado polos golpistas e todos os seus bens confiscados. Electra Popular foille asignada ao millonario Pedro Barrié de la Maza, que a fusionou coa súa empresa Fábrica de Gas y Electricidad, dando lugar a Fuerzas Eléctricas del Noroeste, máis coñecida como Fenosa.[1]

Pepe Miñones comezou a súa andaina no eido da produción de enerxía eléctrica en Úbeda (Xaén), onde fundou en 1928 a central hidroeléctrica de La Loma.[2] Co obxectivo de achegar a incipiente enerxía eléctrica á súa terra de orixe, fundou, o 30 de setembro de 1932, a sociedade Electra Popular Coruñesa. O seu primeiro obxectivo foi a construción dunha liña de alta tensión eléctrica até Carballo, co fin de ampliala até o seu Corcubión natal e a Costa da Morte,[2] mais principalmente ás cidades da Coruña, Ferrol e Betanzos.[3] O seu consello de administración estaba composto, nos seus postos de máis relevancia, por Miñones como conselleiro delegado, Ángel Durán Villarnovo como presidente e Ramón Vilas e Ambrosio Ramos como vicepresidentes. O seu capital inicial foi de 2 500 000 pesetas.

A primeira instalación da empresa foi unha central hidroeléctrica en augas do río Lambre preto de Paderne, onde se iniciou a construción do encoro de Güimir, proxectado polo enxeñeiro italiano Gaudencio Zopetti.[4] Contra o ano 1933 dispuña xa dunha central térmica de 1000 kW nas Pontes de García Rodríguez aproveitando os seus xacementos de lignito, e outra diésel na cidade da Coruña, tamén de 1000 kW de potencia instalada.[3] Estas instalacións estaban unidas por liñas de alta tensión cos centros de distribución na Coruña, Betanzos, Sada, Pontedeume e Ferrol.[3]

Co estalido da guerra civil española en xullo de 1936, a actividade da empresa paralizouse por completo. Pepe Miñones era avogado e deputado por Unión Republicana, e un coñecido simpatizante de esquerdas da cidade da Coruña, polo que foi detido polas forzas golpistas nos primeiros días do golpe. Fóronlle confiscadas todas as súas empresas e impúxoselle unha multa de 1 000 000 de pesetas. Foi fusilado no Campo da Rata o 2 de decembro de 1936. Electra Popular Coruñesa foi integrada nunha sociedade propiedade do Banco Pastor cuxo dono era Pedro Barrié de la Maza, un simpatizante do bando sublevado amigo persoal do ditador Franco,[5] que en 1943 integrou a Electra Popular e a súa empresa eléctrica Fábrica de Gas y Electricidad en Fuerzas Eléctricas del Noroeste, máis coñecida como Fenosa, que ostentaría o monopolio absoluto do mercado eléctrico en Galicia.[4]

  1. Ponte, José Manuel (28 de outubro de 2009). "Un conde y una condesa". Faro de Vigo (en castelán). 
  2. 2,0 2,1 Lamela, Luis. La Voz de Galicia, ed. "El largo camino del suministro eléctrico en la Costa da Morte" (en castelán). Consultado o 25 de agosto de 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Publicidad empresa electricidad Electra Popular Coruñesa". Blanco y Negro (en castelán). 1933. Consultado o 25 de agosto de 2015. 
  4. 4,0 4,1 Asociación Galega do Patrimonio Industrial. "244 Salto de Güimil". Consultado o 25 de agosto de 2015. [Ligazón morta]
  5. Galicia Única. "Pedro Barrié, el amigo de Franco" (en castelán). Consultado o 25 de agosto de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]